Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"A tese de Fukuyama é o froito do debate entre Strauss e Kojève"

13 de junio de 2014

Israel Sanmartín Barros,profesor de Historia na USC, titor do Centro Asociado, especialista en Historia Medieval, Historiografía e teoría da historia, reflexiona entorno ao "fin da historia" anunciado por Fukuyama.

Israel Sanmartín Barros é profesor-investigador contratado no "Parga Pondal" de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela. Impartiu a oitava charla do ciclo Las frases dos filósofos, que se celebra na UNED de Coruña de febreiro a maio de 2014. Na súa intervención explicou o sentido da expresión " o fin da historia"de Francis Fukuyama. A charla puido seguirse tamén por streaming.

P. Grazas pola súa participación no ciclo. Podería darnos algunha información sobre quen é Fukuyama?

R. Francis Fukuyama é un filósofo político estadounidense que traballou durante a Guerra Fría en diferentes ThinkTanks, especialmente na Rand Corporation, onde era un sovietólogo dedicado a estudar cuestións estratéxicas e económicas das pequenas repúblicas soviéticas. Máis tarde entraría a formar parte do Departamento de Estado do presidente republicano George Bush (pai). Dende alí, e grazas ao apoio da Olin Foundation, Fukuyama foi capaz de construír a súa tese de "o fin da Historia", primeiro no seu artigo " O fin da historia? " de 1989 e máis tarde no seu libro "O fin da historia e o último home" de 1992, que complementaría con tres ou catro monografías máis. A dimensión da súa tese foi mundial, e a súa confrontación coa idea de Samuel Huntington de "O choque de civilizacións" deulle dimensión universal. Ademais é o autor dunha ruptura dentro do neoconservadurismo tras a invasión Iraq.

P.Qué significa en realidade a tese de "o fin da Historia" en boca de Fukuyama?

R. A tese de "o fin da Historia" significa colocar á ideoloxía como motor da historia. Para Fukuyama a caída do comunismo supoñería o fin da evolución ideolóxica da humanidade. Hai que decatarse dunha cousa. Que Fukuyama se refire á H-HISTORIA con "H" maiúscula, que é iso que acabamos de dicir, a evolución ideolóxica da humanidade. Fronte a esta H-HISTORIA temos a h-historia con "h", que é a mera sucesión de acontecementos. A relación entre ambas as dúas ocupa un bo treito da discusión que propón Fukuyama.

P. Iso é o que estuda vostede no seu libro publicado na editorial Akal:"Entre dous séculos: globalización e pensamento único".

R. Efectivamente, nese libro traballo coa h-historia e a H-HISTORIA, e como toma corpo nos seus diferentes pensamentos teleolóxicos, tanto dende a dereita coma dende a esquerda. A conclusión que podemos sacar é que ambas as dúas se posicionan de forma dogmática e non buscan o diálogo. Como se pode ver hoxe en día, as posicións políticas son en boa medida irreconciliables, aínda que despois se solidifiquen e se aproximen grazas ás políticas económicas. A falta de consensos e de cesións, así como de conexións cos gobernados, son esenciais para o futuro.

P. É Fukuyama un representante do chamado pensamento neoconservador?

R. Sí, podemos considerar a Fukuyama un "neoconservador". Vén dunha longa estirpe depensadores que foran trotskistas pero nun momento dado se ven"asaltados" pola realidade e nos anos 50 deciden formar un grupo que se denominará "neoconservadores", que é un nome que se pon dende a esquerda e que moitos deles asumen. Nun principio aglutínanse arredor da revista PublicInterest, con algúns autores como Irving Kristol á cabeza, quen exerce de libelista nos medios de comunicación. Leo Strauss sería a parte intelectual e Martin Lipset o flanco sociolóxico. Fukuyama, anos despois, é un dos autores que recollen todo ese legado e que se ven impulsados coa chegada de Reagan ao poder. Nese momento moitos "neocons" ven como as súas carreiras toman unha nova dimensión, especialmente na sovietología, as relacións internacionais e o pensamento geoestratégico.

P. Fukuyama negou co tempo a súa tese?

R. Fukuyama só tivo un momento de dúbida, e foi no ano 1998 co colapso de Rusia e a súa focha económica, que case o leva á volta ao comunismo. Máis alá diso, Fukuyama sempre lanzou o órdago a quen queira que negue a súa tese, que consiste en que a democracia liberal é o mellor dos réximes posibles.

P. E é así?

R. Temos que ter coidado coas preguntas. Non nos podemos facer determinadas preguntas para responder desa forma. É dicir, é unha pregunta tramposa. Se eu reto alguén a negar que o ceo é azul, é como un xogo. No momento actual vivimos nun sistema capitalista onde habitan as democracias liberais e o libre comercio, e onde se dá o secuestro da democracia polas grandes institucións internacionais, así como a debilidade da sociedade civil para conformar unha alternativa crible. Estase a contestar á pregunta de Fukuyama con simple dogmatismo. As alternativas que se están a construír, sobre todo por parte de certas políticas transformadoras, son debedoras, como o capitalismo, da modernidade. Por aí é por onde temos que empezar.

P. Explíquese, por favor...

R.Tenemos que repensar a modernidade como xa están a facer dende hai anos Habermas, Beck,Bauman, pero tamén temos que darlle unha dimensión práctica a ese pensamento. Temos que chequear todo o pensamento teleolóxico e a construción de relatos cun fin que actúe de xerador externo do desenvolvemento histórico. Temos que cambiar o contexto, o marco, no que funciona todo, senón estamos atrapados na proposta de Fukuyama. Non podemos utilizar as súas mesmas armas.

P. Como recibiron os historiadores a Fukuyama?

R. Pois recibírono con moito anoxo, aínda que toda a escola da New LeftReview e os marxistas británicos o recibiron con expectación, e os estimulou para reflexionar sobre o marxismo, posto que a tese oculta de Fukuyama é que o marxismo e o socialismo están mortos.

P. Non é un contrasentido?

R. Non. Fukuyama utiliza o pensamento hegeliano a través dun intérprete marxista que se chamaba Alexandre Kojéve. Un autor de orixe rusa que desenvolveu a súa actividade académica na EHESS de París, e que despois da II Guerra Mundial foi un dos arquitectos do GATT e da propia UE. Kojève era un home de acción, comprometido co seu tempo.

P. É sorprendente que Fukuyama recorra a un autor dese perfil.

R. Kojève é un autor un tanto escuro e con diferentes etapas ideolóxicas na súa vida. O contrapunto de Kojève é Leo Strauss, a outra grande influencia de Fukuyama. Un autor que vivía enclaustrado na Universidade de Chicago e cuxa influencia é crave para entender o neocoservadurismo. Toda a idea da democracia liberal como unha relixión, as tinguiduras morais e o entendemento da vida a partir da esexese dos autores clásicos (Platón, Hobbes ou Maquiavelo) son fundamentais para entender a Fukuyama. A tese de Fukuyama é o froito da tensión entre Strauss e Kojève, os que se coñeceron no Berlín dos anos 30 e xa nunca deixarían de ter contacto. Os seus debates e os seus diálogos sobre a tiranía e sobre algúns autores como Jenofonte marcan o pensamento de Fukuyama.

P. Entón Fukuyama non é hegeliano...

R. Non, é kojèviano e straussiano. É kojèviano no sentido de que se compromete co seu tempo, e é straussiano porque, a pesar de crer nas bondades da democracia liberal, ve nela unha "animalización" do home. Ve na época do fin da historia o nacemento do "último home" nietzcheano, un individuo unicamente preocupado do seu hedonismo e de consumir. A tensión entre moderno e antimoderno, ou entre o novo e o antigo, é fundamental en Fukuyama.

P. Por último, podemos dicir que a obra de Fukuyama ten algunha transcendencia historiográfica?

R.Desde logo. É un apuntalamento da idea moderna da historia, a política e as relacións internacionais. Ademais de utilizar a idea de progreso asociada á economía e o "desexo de recoñecemento" kojèviano-hegeliano. Eses debates, unidos aos da aposta pola creación de meta-relatos grazas a organizadores externos, fan da obra de Fukuyama a xeradora, non só do propio pensamento da globalización, senón de toda unha serie de pensamentos estruturais sobre como evoluciona a historia,a onde vai e como se constrúe: occidentalista, imperalista, etc.

Texto e imaxe: Julio Ostalé García. Profesor titor do Centro Asociado UNED-A Coruña e director do ciclo.

Páxina web do Ciclo "Las frases de los filósofos"

Blog do Ciclo de Filosofía

Ampliado o prazo de matrícula do CUID ó 16 de noviembro de 2018. Estuda idiomas na UNED nas modalidades semipresencial e on-line.+ info
Convocatoria pública. Concurso de selección de profesorado tutor para el curso 26/27+info
Convocatoria pública. Vacante de profesorado tutor interino de Master Universitario en Formación del Profesorado de Educación Secundaria Obligatoria y Bachillerato, Formación Profesional y Enseñanzas de idiomas (curso 2026-27)+info
AVISO: El Servicio de Biblioteca del Centro UNED A Coruña permanecerá cerrado el 12-06.El aula de estudio permanecerá abierta
Disculpen las molestias.
Horario de verano (de 8hs a 14h): De lunes a viernes del 1 de junio al 15 de septiembre, ambos incluidos. Se exceptúan las semanas de exámenes en las que se mantendrá el horario ordinario. 
Consulte el horario de atención al público en cada Servicio del Centro.
Compra tus libros. Pedido on line. Librería UNED A Coruña+info
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es